mércores, 23 de xullo de 2014

Dúas netas menos

Ao mellor hoxe perdín un par de netas, o que significa moitos postos no rango no que me movo eu nas notas do MIR. Ao mellor o ir aos concertos na Quintana fixeron que hoxe estivese contra o final da tarde máis pendente de a qué hora chegaba a xente de fóra de Santiago que ao último tema negro do día. 
Ao mellor, o ir hoxe a ver a Budiño e sobre todo a quedarme ata o final do concerto de A Banda das Crechas fixo que trastornase os horarios de mañá, co conseguinte cansancio e perda de rutina. Todo iso é verdade, e podería estar fustigándome, ou dándome de hostias contra o Libro Gordo. Pero non.
Porque é verdade que hoxe poida que perdera un par de netas, pero fun eu. Eu son ese que se arrancou despois de moito tempo a bailar (mal) unha muiñeira (ou tres), o que gozou e se lle puxeron os pelos de punta con ESA canción. Eu son o que riu, o que sudou coma un porquiño e o que esqueceu durante catro horas que este verán non é verán, cun feixe de amigos. Hoxe disfrutei de ser eu mesmo, de ser ese que quere ser un bo médico e escoller a praza que desexo, mais que sabe que aínda que ese é o núcleo, hai moitos electróns danzando que teñen a súa importancia.
Hoxe seguro que perdín dúas netas, pero esta noite vai facer que cando, durante o estudio, soen esas cancións, as de hoxe, todo sexa mellor e os ánimos que gañe han facer que esas menos dúas netas se convirtan nun máis tres. 
Porque ser un mesmo e desfrutar o que fas ten a súa recompensa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario