martes, 29 de xullo de 2014

HISTORIAS DE DERMATOLOXÍA. SEGUNDA PARTE

O “mañá” do primeiro post sobre Dermatoloxía converteuse nun “dentro dunhas semanas” pero o bo é que o tema non pasou de moda. Triste, pero aínda seguimos ás voltas. A terceira parte, se existe, si que vai ser un show, unha auténtica telenovela. Non esquezamos que...


CountdownClockCodes.com




Pero vaiamos por partes, e seguimos por:

O EXAME E AS LAPAS DO INFERNO:

De todos é sabido que en Compostela chove. Podemos facer risa ou aproveitarnos de iso (glorioso eslogan de turismo o de “Santiago, dónde la lluvia es arte”) e facer negocio coa reiterativa rotura da paraugas. Pero a pesar de que a chuvia é unha inmutable constante da ecuación, o fatídico día do exame de dermatoloxía de xuño de 2014 facía, non só un sol de carallo, senón unha calor impropia dun país moderno e civilizado coma o noso: un calor anticonstitucional.
Naquela Aula Magna do Edificio Docente Roberto Novoa Santos-Aulario (de aquí en diante Jaulario) había unha temperatura similar á do Sahara Occidental (agora enténdense as palabras do gran Castro Gago cando dixo aquilo de: “¿Que somos europeos o africanos...subsaharianos?”), e nin os arregla-todo e xeniais Paco nin Esther podían facer nada para remedialo (outro día falareivos desas máxicas persoas que deixan en evidencia a catedráticos e resolven os problemas de miles de alumnos).

Pero iso, a pesar do que podería parecer, non é culpa da-que-non-debe-ser-nomeada nin do resto dos profesores. O que si é culpa deles (e falo do 80% dos profesores da facultade) é a mala organización e o pifostio que se monta cada vez que teñen que organizar a máis de 300 persoas para entrar na aula o día do exame. Desta vez, como é habitual, comezaron a chamarnos por orde de lista e comezamos a entrar na abafante aula. Cabe aconsellar que quen teña que ser o que vaia nomeando aos alumnos teña un volume de voz axeitado para poder ser escoitado sen o “Silver Sonic XL”.

Cando se completou, e só entón, abriron outra aula, e outra máis despois deso e seguiron chamando por orde de lista. O normal é que mentres se van enchendo sucesivas aulas se vaia entregando o exame ás persoas das aulas xa completas. Pero desta vez non. Tivemos que esperar UNHA HORA ata que acabaron de encher o resto das aulas, e outros VINTE MINUTOS ata que se aclararon en repartirnos os 3 modelos de exame, nunha xeometría que ninguén entendeu (nin sequera os propios profesores).
Vamos, que cando por fin demos comezado o exame xa deixáramos no camiño dous litros de líquidos, e o confort que dá saberse acabando a carreira e que está fóra agardando unha suculenta sidrada.


No que vén sendo o contido do exame, mellor non facer ningunha valoración persoal, xa que prefiro calar a que pareza isto que os exames deben ser fáciles para ser correctos. E nada máis lonxe do meu pensamento (a pesares da miña traxectoria, si, estou de acordo en que debemos tender cara a excelencia) pero a excelencia é un conxunto, unha construción que debe ser transversal, e que nesta nosa benquerida institución brilla pola súa ausencia máis alá da categoría acreditada por un Ministerio que non ten nin puta idea do que debería implicar.

Por último só dicir un par de cousiñas acerca da interacción profesor-alumno. Como ben dícía unha das catedráticas da materia a tratar, "hay mucha diferencia, o por lo menos yo diferencio, a un estudiante de primero a uno de sexto. Los segundos en unos meses serán compañeros". Esto facíao en referencia a un atentado á ética cometida por parte dos meus compañeiros, pero agora non vén ao caso. O principal desto é que algúns profesores, incluída a-que-non-debe-ser-nomeada deberían repetir na pizarra 500 veces, ou tecer un mantra e repetilo todos os días antes de saír á rúa con "Os estudiantes son amigos, non comida". Ou ben, por motivos de cpyright con Pixar, ao mellor cambialo por un simple:
 "OS ESTUDIANTES NON SON O NOSO INIMIGO". 
Porque xa vai sendo hora que nós aquí (entendendo por aquí a Universidade) non estamos para fodervos, nin para ser uns pesados. Non somos unha especie de problema prescincible para os profesores. Somos a vosa razón de existir, e estamos para aprender e que nos ensinedes o fundamental para o noso futuro sobre o voso ámbito de coñecementos. 
Cada vez que nós interaccionamos con vós, queridos docentes, non é para atacarvos personalmente. E cada vez que damos a nosa opinión non o facemos para humillarvos, como vós reiteradamente o intentades facer con nós con cada unha das vosas actuacións. 
Por sorte para nós, para a Medicina e para os pacientes do presente e do futuro, cada vez quedades menos de vós en exercicio profesional. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario