venres, 5 de setembro de 2014

MONTAÑAS DE APUNTES

Unha vez oínlle dicir a alguén (ou soñeino, ou estouno inventando sobre a marcha, que para algo isto é literatura) que non podías ter o título en Medicina se non che chegaban os apuntes ao teito. Ou polo menos que despois de acabar a carreira terías unha montaña de apuntes que chegarían ao máis alto.

Naquel momento pareceume unha gran verdade, porque despois de seis anos gastando en fotocopias e máis fotocopias (hei dicir que aquel ano no que o exército pagaba parte das copias foi un gran puntazo. Viva o exército e o seu “Sé el médico que quieres ser, sé médico militar”!) qué queredes que vos diga, era algo de caixón.
Pois cando acabei o último exame da carreira e me puxen a limpar o estropicio de dous meses de preparación de exames e a súa consecuente lixeireza para coa limpeza do pó, decidín que era o momento de probar graficamente aquilo que a miña estantería ben sabía: que nestes seis anos acumulei unha gran cantidade de inútil papel (do meu recoñecido hiposíndrome de Dióxenes non vou falar, que atañe á miña vida privada). E aquí está a maldita foto:




Como podedes ver, é unha montaña ben alta, pero non chega ao teito. Sentinme defraudado comigo mesmo e pregunteime se non sería por iso que serei mediocre toda a miña vida. Pouco a pouco ía entrando nunha espiral que me afundía máis e máis nun pozo negro. 

Cando estivo a piques de caerme enriba a montaña de apuntes e vin que eran tan altos coma min pasóuseme un pouco. Diso non hai foto. Unha mágoa porque sería ben divertido velo desde fóra e non temendo pola integridade física dun.
Pero o que realmente me animou definitivamente para ver que durante seis anos se explican cousas bastante mal e que nós somos unha puta máquina de almacenar apuntes que moitas veces nin lemos foi esta foto:



A comparativa entre os seis anos de apuntes da carreira e todos os cuadernillos (incluído o libro gordo, aínda que non as actualizacións do 2013 e 2014) da academia. Se poidemos con tanta merda durante estes anos…qué non poderemos facer con estes cuadernillos?


Ánimo chavalas e chavales, que non sei que será de min, pero estou seguro que vós neste 2MIR15 o ides petar de ben, e ides chegar ata o teito!

Ningún comentario:

Publicar un comentario