venres, 23 de xaneiro de 2015

O evento adverso agudo de causa iatroxénica autolimitado no tempo.

Hoxe estou un pouco ñoño. Será que é viernes. Será que mañá é o último simulacro dos de verdade antes do simulacro 37 aka o que temos que facer o día del apaleamiento.
O caso é que mirándome ao espello vin os poucos estragos que fixeron en min estes moitos meses de estudio. Máis alá da barba que xa bauticei como de biblioesquizomendigo, estamos coma sempre. 
Entón recordei as palabras que tiven a honra de pronunciar en nome de todos os meus compañeiros aquel marabilloso día de abril...qué tempos. E iso, que estou ñoño, así que aquí vai a miña parte do discurso. Que o disfrutedes...





Estamos hoxe aquí, non só para reafirmarnos nesta marabillosa secta que é a Medicina, nin sequera para ter un punto de non retorno nas nosas mentes que separen o estudante que fomos, e o profesional que imos ser.

Estamos aquí, principalmente, para poder dicirvos a todos vós moitas grazas, gracias e obrigado. Temos e queremos darlle as grazas ás nosas familias e amigos por seguir aí.

Están aí desde o principio, cando moitas veces chegabamos falando de cousas noxentas ou sen moito sentido. Están aí a pesar de que cada catro meses, desaparecemos baixo unha montaña de apuntes e rotuladores fosforitos.

Non só é un agradecemento por darnos a oportunidade de estudar esta carreira, que tamén, senón que é un agradecemento por cada un dos días de cada mes destes vinte e catro anos.

Dámosvos tamén as grazas anticipadas polo ano que nos espera. Só un consello: hoxe temos a oportunidade perfecta de poder sacar as fotos que miraredes con tenrura e nostalxia dentro duns meses, mentres vedes que nos imos convertendo nun ser pálido, olleroso e que susurramos palabras soltas e inconexas polos corredores.

Pero tranquilos, é un “evento adverso agudo de causa iatroxénica e autolimitao no tempo” en busca da vida que nós escollemos cando nos metemos nesta carreira. Despois de estudar na USC, non nos da medo o MIR.

(…)


Desexamos acabar dunha vez a carreira, pero non queremos marchar.

Queremos seguir sendo estudantes de Medicina, coas nosas identificacións penduradas, que indican non só o nome e curso, senón que son un escudo moi efectivo para xustificar a nosa ignorancia.

Pero iso cambia a partir do ano que vén, no que estaremos enfrontándonos ás responsabilidades do xuramento que hoxe facemos aquí e do título que expedirá esta Universidade.

Acabouse a plaquiña da ignorancia. Entramos sendo nenos e saímos sendo médicos, con todas as consecuencias.

Somos unha promoción que vivimos en carnes propias o cambio dun sistema. Vimos como unha transparencia, das de antes, ardía diante dos nosos ollos. A metáfora perfecta.

Somos a promoción do 20% de portugueses, de compañeiros portugueses e a que fixemos as nosas primeiras suturas en esponxas. Fomos a promoción dos “sen autobuses para descentralizados”, dos “demasiados para facer todos os días de prácticas”, dos que buscabamos créditos de libre configuración ata en balnearios.
Somos todas esas promocións, pero tamén somos trescentas cincuenta persoas que loitaron cada febreiro, xuño e setembro por un mesmo fin, aínda que os principios que nos moven fosen moi variados.

Todos levamos a nosa mochila, única e intransferible coas nosas propias vivencias. Pero en realidade, se nos vemos diferentes é porque nos miramos demasiado.
(…)


Temos por diante un día, unha noite e unha mañá memorables, seguindo as tradicións únicas da nosa Facultade. Na nosa primeira Rebentada, alá polo 2009, a etílica sabedoría dun compañeiro que de aquela se licenciaba acompañoume ata hoxe.

Díxonos: “Todos credes agora que o éxito foi entrar en Medicina, despois cambiaredes e pensaredes que o difícil é acabar a carreira. Pero estades equivocados: o máis difícil de todo e o gran éxito será o traballo de médico do día a día”. Na confianza e seguridade destas palabras podemos avanzar expectantes polo noso futuro.

Queremos por último, facer mención e agradecer a todos os que integrades esta promoción, escollerades seguir en Licenciatura ou cambiar a Grao.

Temos que agradecernos estes seis anos de convivencia, estes seis anos de madrugóns, de prácticas, de festas e algún viaxe, e tamén deste curso, que sen dúbida foi o mellor de todos.

Hoxe é o noso día, hoxe é o día no que aos ollos dos aquí presentes deixamos de ser estudantes. O noso futuro chegou. Hoxe, a promoción 2008-2014 da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela convértese en licenciada e graduada.
¡Longa vida aos novos médicos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario