sábado, 15 de novembro de 2014

TERCEIRA VOLTA E SIMULACRO 23

Hoxe tiña pensado o regreso de inMIRnente neste blog, despois de moito tempo sen nada que querer contar, sen ganas de facelo e sen ningunha proposta máis alá das que collían nos  140 caracteres do meu benquerido twitter.  Hoxe comezaba a terceira volta, o terceiro asalto, o “á terceira vai a vencida”.

Ía ser un post sobre o agobio que dá ver que só quedan 77 días para o MIR e que os manuais que a duras penas rematabamos de ver en segunda volta agora hainos que ver o dobre de rápido. Facer o libro gordo o dobre de rápido. Cagarse en todas as decisións da túa vida o dobre de rápido. A verdade,  co agobio as nosas deposicións van o dobre de rápido, así que debe ser fisiolóxica esta terceira volta.

Unha entrada na que agradecía a todos os deuses de toda a historia da Humanidade que se reserven os días de nadal e de aninovo, a pesar da contrapartida de tres doMIRgos menos. Sabedoría popular a que di que ninguén da un peso a catro pesetas. Por se acaso, este menda lerenda xa tiña pensado acudir á gala fin de ano do Luar por se non tiñamos oportunidade de desfrutar a noite real do cambio de ano (aínda que a data a celebrar sexa a entrada en febreiro).

Ese ía ser a entrada de hoxe,  o regreso, o desafogo e as penurias. Pero despois de toda a mañá estudiando e toda a tarde no simulacro parece que xa é un tema do pasado, que xa estamos acostumados ao que nos depara esta penúltima fase, e sobre todo, comezamos a temer o que significará a fase número catro, esa que, por veloz, a todos se nos escapa da imaxinación.

Realmente non pensaba iso cando cheguei á casa. Cando me sentei a oscuras no sofá, esperando a que cargara un pouco o móbil para poder meter o simulacro e abrirme unha red vintage mentres o facía (tradicións que conservo e espero conservar) estaba pensando que os seis días de vacacións non serviran para nada, que o ter que estudiar mañá despois de ir á carreira do San Martiño en Ourense era unha putada e que puta terceira fase na que non me da tempo a facer o mínimo.  

Confeso que o señor inMIRnente levaba case un mes (ou máis) cos ánimos polo chan. Friki coma sempre, pero desto que te replanteas obxectivos e que ves que “de aquellos barros estos lodos”.


Estaba afundido e cada simulacro e cada materia convencíanme máis de que “a la mierda!” era un slogan moito máis atractivo que o de “Chegaches ata aquí. SIGUE”. Comecei a estancarme en netas e despois a baixar como a tensión nunha rotura de aneurisma de aorta abdominal. Iso xa sabemos que non é importante, pero o percentil tamén baixaba, e baixaba e volvía a baixar. Enroqueime nun cansancio non sei se real ou emocional. O caso é que era inxustifiacado desde calquera punto de vista. 
E sobre todo: inaceptable.

O simulacro antes das minivacacións: é verdade que a Audiencia Nacional ten nas súas mans unha denuncia a instancias da Defensora do Pobo contra AMIR polo simulacro 22 e a flagrante violación dos Dereitos Humanos dos opositores que o tivemos que facer, pero non é óbice para que eu, inMIRnente de pro, loitara cada pregunta. Non teño excusa.

Pero chegou o simulacro 23 (o de hoxe), raro de collóns, e evidentemente máis fácil que o anterior e que algún outro. A variabilidade está ben para entrenar as posibles sorpresas do 31 de xaneiro. O importante para min é que recuperei o meu percentil. Un percentil moi discreto, pero dentro do esperable e que sirve de boa base para a mellora. E sobre todo, que me quita desa espiral descendente de frustración. Imos indo, que non é pouco

Hoxe irei "cedo" a durmir. Non hai festa máis alá de rematar esta cervexa e ser consciente de que aínda que non o cría ao principio, renovamos enerxías para conseguir chegar a bo porto dun reto que comezamos hai xa moitos meses. Non queda nada, mais queda todo


InMIRnente está aquí para loitar polo seu mellor MIR.

E vós tamén.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario